Autora: Ledicia Costas

Empezou moi nova no mundo da literatura, escribindo as súas primeiras
novelas en plena adolescencia. Traballou no mundo do guión cinematográfico e do
audiovisual participando no proceso creativo de diversos documentais, labor que
compaxina coa participación en diversos recitais, coa creación literaria e co
exercicio profesional da avogacía. É unha das coordinadoras da revista
dixital Criaturas,
dedicada á Literatura Infantil e Xuvenil de Galicia.
A
escritora Ledicia Costas acaba
de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil pola súa novela Escarlatina.
A cociñeira defunta. Esta novela, publicada por Xerais ao gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, recibiu xa outros importantes recoñecementos
como a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, o Premio Xosé Neira Vilas ao Mellor
libro Infantil e Xuvenil da Asociación Galega de Editores, os Premios Fervenzas Literarias(votados polos internautas) ao Mellor libro
infantil e Mellor portada de LIX (Víctor Rivas).
Escarlatina.
A cociñeira defunta leva vendidos nestes momentos 8.500 exemplares, un ano despois da
súa publicación e está reimprimíndose a 5ª edición.
Este
importante Premio Nacional de Literatura Infantil
e Xuvenil únese
aos xa conseguidos por Agustín Fernández Paz (O único que queda é o amor, Xerais, 2008), Fina Casalderrey (O misterio dos fillos de Lúa,
1996), Xabier P. DoCampo(Cando petan na porta pola noite, Xerais 1995), Paco Martín (Das cousas de Ramón Lamote,
1986).
Argumento do libro:
Escarlatina.
A cociñeira defunta narra o que lle sucede ao neno Román Casas, que quería ser un
auténtico chef, así que lle pediu aos seus pais un curso de cociña para o seu
décimo aniversario, que coincidía co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E
nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un
cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a
Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady
Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres
novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos
viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos
funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e
larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan
paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o
apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario