miércoles, 21 de octubre de 2015

OS XOVENES MOSQUETEIROS

 Xa está en marcha o 2º club de lectura formado por alumnos de 5º. Neste club elexiron como primeiro libro de Lectura: “Escarlatina Cociñeira defunta”, da  autora Ledicia Costas.
Autora: Ledicia Costas



Empezou moi nova no mundo da literatura, escribindo as súas primeiras novelas en plena adolescencia. Traballou no mundo do guión cinematográfico e do audiovisual participando no proceso creativo de diversos documentais, labor que compaxina coa participación en diversos recitais, coa creación literaria e co exercicio profesional da avogacía. É unha das coordinadoras da revista dixital Criaturas, dedicada á Literatura Infantil e Xuvenil de Galicia.
A escritora Ledicia Costas acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil pola súa novela Escarlatina. A cociñeira defunta. Esta novela, publicada por Xerais ao gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, recibiu xa outros importantes recoñecementos como a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, o Premio Xosé Neira Vilas ao Mellor libro Infantil e Xuvenil da Asociación Galega de Editores, os Premios Fervenzas Literarias(votados polos internautas) ao Mellor libro infantil e Mellor portada de LIX  (Víctor Rivas).
Escarlatina. A cociñeira defunta leva vendidos nestes momentos 8.500 exemplares, un ano despois da súa publicación e está reimprimíndose a 5ª edición.
Este importante Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil únese aos xa conseguidos por Agustín Fernández Paz (O único que queda é o amor, Xerais, 2008), Fina Casalderrey (O misterio dos fillos de Lúa, 1996), Xabier P. DoCampo(Cando petan na porta pola noite, Xerais 1995), Paco Martín (Das cousas de Ramón Lamote, 1986).
Argumento do libro:
Escarlatina. A cociñeira defunta narra o que lle sucede ao neno Román Casas, que quería ser un auténtico chef, así que lle pediu aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincidía co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario